Vaia tardiña

Decembro 20, 2005 at 10:50 pm | In Que lle queres, Tecnoloxía | 3 Comments

E mira que tiña cousas que facer esta tarde, pero estiven empantangado co demo do ordenador. Resulta que por un traballo académico tiña que usar uns cantos programas de deseño en 2 e 3D. E mira tí por donde, o Windows ía lento. Costáballe deus e axuda iniciar un simple Word ou Firefox, e cando o facía a velocidade de reacción non era, nin moito menos a adecuada para traballar.

Como non entendo moi ben as interioridades de Windows, optei pola solución mais fácil: formatear, e instalalo todo outra vez, xa que realmente non preciso de moitos programas, e os meus arquivos persoais estaban “a salvo” nunha partición propia.

O comezo non foi mal: meter o cd, formatear a partición c: (por si los virus) e comezar a instalación. Ó cabo de media hora, e despois de dous reinicios, o ordenador comezou coa rolda de preguntas de configuración. E aí se acabou a miña alegría: á hora de activar o Windows XP, sáltame con que teño superada a cota de reinstalacións permitidas coa miña ID. Contiven con tódalas miñas forzas as ganas de tirar o ordenador pola ventá, pensando que o pobre bicho tampouco ten a culpa do que fai o software. Un compra Windows orixinal, xa que non por simpatía coa empresa que o vende, polo menos para non ter problemas de licencias… vale, confeso que non lin na EULA cantas veces podías instalalo… pero xúrovos que non foron mais de dez, e que non lle prestei ese disco nin a súa clave a ninguén! Pagar mais de cen euros por un software, e descubrir que non o podes reinstalar mais dun par de veces foi demasiado pra min.
Decidín aproveitar a pouca lucidez que me quedaba para lidiar co xestor de arrinque, que o XP asoballara no seu ímpetu instalador. Nese momento agradecín non ter mais amigos frikis, posto que me quedaban aínda cds de Ubuntu na casa. Introducir un, reiniciar, e volver a instalar o grub non foi excesivamente complicado. Aí van os comandos:

montar a partición raíz, no meu caso /dev/hda6, en calquera parte. Se xa está montada, asegurarse que podemos escribir nela. Se non, desmontar e montar:

mount -t ext3 -o rw /dev /hda6 /mnt/hda6

Agora “enxaulámonos” dentro do hda6 co comando chroot:

chroot /mnt/hda6/

Así ese directorio pasará a ser o directorio raíz do sistema. E agora só queda:

grub-install /dev/hda

Reinicio o PC, e aparece o meu querido xestor de arrinque. Inicio debian e atópome co saúdo inesperado dun kernel panic. Cos nervios de picos de pardo (ó fin e o cabo é o ordenador da familia), sen Linux e co Windows deshauciado é o mellor momento para que a nai dun se lle ocorra mandarte a unha ferretería á outra punta de Ourense. Mira que a min me gustan as ferreterías, pero hoxe cagueime nas grapas para alambre do 16 canto quixen.

Ã? volta, o Linux non volvera en sí por arte de maxia. Descartei a miña solución habitual de vago: había moitos documentos importantes, e un servidor en funcionamento, e o formateo e reinstalación non era unha opción válida. Eu tiña algo sobre recuperar o grub nun artigo dunha revista, lembrei. Non, non me vale. Non me quedaba mais remedio que usar a lóxica. A mensaxe de erro falaba dun arquivo que non atopaba no directorio raíz… pero eu non lle toquei a nada mais que ó grub! Igual é que busca na partición que non é. Mirei o /boot/grub/menu.lst e alí estaba chantado un hda7 como unha catedral de directorio raíz.

Non me explico ben o por qué, pero cámbioo, e así o linux comeza a cargar. Chega a pantalla de login, nome, contrasinal… parece ser que non ten vostede directorio /home asociado ¡como que non! ¿e os meus documentos onde están?

nano /etc/fstab

e logo

cat /proc/partitions

E resulta, que de algunha maneira que non entendo, tódalas particións se correran un lugar. Así, hda7 pasou a chamarse hda6, e por iso non arrancaba. hda8, o meu /home, era agora hda7. E hda4, a partición NTFS de datos do Windows, era hda3. Nono entendín, pero cambiei o nome dos dispositivos no fstab para ver se colaba… e efectivamente, colou. Linux parece funcionar perfectamente, quitando que agora non teño acceso ó contido do meu disco NTFS, configurado mediante captive-ntfs. Xa o resolverei mais tarde, que foron moitas tocaduras de güevos para un só día.

Para que a ninguén lle suceda o que a min co Windows, hai un truco. Se tedes que reinstalar un Windows XP copiade antes o arquivo wpa.dbl en calquera lado, e cando reinstaledes sobreescribide o novo con ese. O truco completo pódese ver aquí.

Cantas cousas útiles aprende un cando o seu xa non ten remedio… Por certo, ¿non terá ninguén un Windows XP para regalarme?

Migración

Decembro 5, 2005 at 5:52 pm | In blogueir@s | Leave a Comment

Hai moitos anos que non se ven teixugos nas Teixugueiras. Os vellos din que había moitos, pero deberon escapar. Igual cheiraron o abandono dos campos, os lumes de tódolos veráns, as radiacións que (din os políticos que non) producen os cables de alta tensión do noso skyline rural. Os teixugos foron mais listos ca nos. En tódolos anos da miña vida non vin un teixugo, nin sequera un rastro, ou unha pegada na lama. Parece que hai outros que tiveron mais sorte ca min

Hola, mundo… carallo, fai frío!

Novembro 24, 2005 at 10:05 pm | In Que lle queres | 6 Comments

Este non é un blog con pretensións. A moda blogueira está arrasando dende hai mais de catro anos, e deixounos algunha pequena xoia, e sobre todo, moita morralla. Non pretendo falar de cousas profundas nin escribir panfletos metafísicos. Xa hai ben xente que o fai. Tampouco quero escribir crítica política, a non ser que me faga eco da opinión de alguén que o mereza, ou en casos moi especiais e contados. Que ninguén espere outra cousa que un par de apuntes friquis, deses que se atopan navegando pola rede, ou baixando a comprar o pan.

Comezo este blog por varios motivos: o primeiro é que teño conexión estable a internet, unha invitación de wordpress de rebote e moito tempo libre. O segundo é que levo uns anos tocándolle os huevos a determinadas persoas en Compostela, e hai posibilidades de que se pregunten por que latitudes ando, e de que lles interese isto. E o terceiro é o mesmo polo que os navegantes levan cadernos de bitácoras: cando saes a mar aberto é bo ir anotando por onde pasas, pra cando veña o socio capitalista a pedirche contas polo barco destrozado. E eu teño particularmente mala memoria.

Bloguea en WordPress.com. | Theme: Pool by Borja Fernandez.
Entries and comments feeds.